Lúa Plenur

Alfonso Rodríguez

15,00

Lúa plenur componse de dous libros de poemas de Alfonso Rodríguez completamente ilustrados con colaxes feitos a man polo autor: Araña estupefacta no teito branco e Paper.
Cunha tiraxe limitada de douscentos artefactos os dous libros van envoltos en papel de sobre negro ou vermello personalizado cada un deles.
Interior a unha tinta.
Encadernación rústica ao fío sen lapelas.
Tamaño 16 x 22 cm.
Paper ten 96 páxinas + capas e Araña estupefacta no teito branco ten 80 páxinas + capas.

 

REF: OU 232-2014/OU 233-2014
Categorías: ,
Etiquetas: , , ,

Descrición

Mode d’employ

…chega inmensa, con farrapos enchoupados en gasolina e cachos de aramio e vellos cravos tortos, unha escura arribista dun escuro río interior

De como a poesía chegou a min. Gregory Corso

 

Fronte á literatura todos somos libres para rexeitar ou mesmo aceptar os modelos de autoridade que se nos propoñen. A poesía é, polo demais, un útil valioso para rebelarnos contra a supervivencia canónica e mostrarnos favorábeis á vida, á experiencia revolucionaria.

modedemployA traxectoria artística de Alfonso Rodríguez vén definindo hai tempo unha poética xenuína. Si, Alfonso ten pincel naíf, botas de okupa e ten copado en todas as escolas, mais a súa achega ao noso monte literario (e libertario) é absolutamente auténtica e hai algún tempo que comezou ser valorada na súa dignidade.

Tralo pretendido automatismo dunha improvisación grafómana de infinitos retallos sincopados, trala escrita e a arte compulsiva, fican estas colaxes que iluminan a paisaxe dunha crise, consubstancial ao individuo sensíbel na civilización (nestes días caóticos de existencia).

Nesta nova arañeira poética de Alfonso está pechado un tempo. O seu, o noso tempo; un tempo de nicotina, de estupor e de estupidez contra o río da mercadoría estupefaciente. O poeta, o arácnido, móstrasenos abraiado na observación desta nosa xeración domesticada. Estes son poemas onde cae todo, onde todo se acende no declive dos guindastres, na explosión desexada, agardando a necesaria destrución que antecede a unha nova canción (a carón do vento), un canto imposíbel sen amor.

Para o poeta xa hai demasiada luz sobre a doenza constituínte das sociedades. Por iso evoca en todo tempo, e aquí tamén, como caeu (cando era máis mozo) no inferno do mundo e como foi salvado en parte polo amor. E volve ao intimismo, aos outros días en que non saen poemas.

Sen artificios extraordinarios, sen ás de albatros que lle impidan camiñar, ollos de araña abondan (vexo e non son vidente). Mais son o xogo, a chiscadela punki e o sorriso da bonhomía quen a miúdo iluminan a poesía do Alfonso. A desmitificación, a ironía, o sarcasmo, a incorrección tórnanse tropos literarios. A experiencia poética, intacta, incorrixíbel, enfróntase novamente á súa exposición pública e afírmase: tod@s temos moito que dicir.

Convén advertir que esta experiencia radical esixe unha lectura libre, afastada da presunción de estilo, que relativice acertos e deficiencias técnicas e evite o canon e guía que nos delimita o gusto. Unha lectura semellante pode atopar e gozar da poesía que se axita no teito branco destas páxinas.

Gaspar Domínguez

Información adicional

Peso 350 g
Dimensións (ancho x alto) 16 x 22 cm

Sobre o libro

ARAÑA ESTUPEFACTA NO TEITO BRANCO

Araña estupefacta no teito branco
Ver mostra en PDF

É un libro de poemas urxentemente “atrasados” que abranguen moitos anos distintos da miña vida e obra e graza e quizais algunha desgraza tamén. Antoloxía desastrosa de ires e vires, porvires e memorias, desmemorias, lagoas e mares enormes de rabias e outras internas harmonías que humildemente enxalzan sentimentos que botan e rebotan nas miñas almas e nos meus corpos.

Con certo romanticismo percorro xeografías de continentes e contidos sentimentos ás veces cuspíndoos outras cara á beleza minúscula e maiúscula e contra a infamia de ordes imperantes que subxugan as existencias todas dos centos de mundos que non dan collido neste.

Araña… é tamén limbo de baba por inxestión de demasiada gasosa inoculada para pretendidas salvacións mais tamén é reflexión e observación das cousas todas ou case, mentres quedaba nicotina na despensa.

Alfonso Rodríguez

 

PAPER


Ver mostra en PDF

O surrealismo e o automatismo deste poemario por veces egocéntrico e terminal é pura pose. No fondo todo está malpensado e orneado por anticipado.

Paper é antoloxía de poemas recentes e semi-recentes da miña obra á que lle falta poñer escaiola e polo tanto ten a cabeza oca. Mais tampouco hai falso teito, é todo moi honesto e honrado senón fora porque os poetas somos todas uns farsantes. Estes poemas que conforman un libro negro aluden a variadas temáticas que oscilan arriba e abaixo nos interiores da miña alma que verque ao espazo e aos espazos que pode letras de sopa boba e ráfagas sen sentido aparente máis que paixón polas artes e partes que corresponden a un regurxitar e presentar pasados e futuros con ringleiras tortas e tortas de mazá. Paper son follas que nin sequera merece a pena ser contadas porque Paper non é nada válido, Paper é sen dúbida minus bálido.

Alfonso Rodríguez

Sobre o autor

Alfonso Rodríguez Rodríguez: ver ficha na Wikipedia

Así se fixo

Araña estupefacta no teito branco e Paper son dous libros contedores de algo semellante a poemas, por unha banda, e colaxes feitos a man a modo de fanzine, con cachos de revistas maioritariamente antigas que esnaquicei e outras máis modernas chegadas do outro lado dos Pirineos. A súa composición foi in situ e a man, como digo, e despois as maquetas foron escaneadas e postas en páxina para ser impresas dunha maneira xa menos artesanal. As capas son simples cartóns de cor negro e vermello ás que se lles pegou uns autocolantes co nome dos respectivos libros; estes despois foron introducidos en sobres “emplantillados” e “personalizados”.

Puntos de venda

A CORUÑA

Librería Sisargas
Rúa San Roque 7, Monte Alto, 15002
libreriasisargas.blogaliza.org | Facebook

COMPOSTELA

Libraría Chan da pólvora
R/San Pedro, 74 Compostela
Facebook

Numax, S. Coop. Galega
Concepción Arenal, 9 – Baixo, 15702
numax.org

LUGO

Librería Trama
Av. da Coruña 21, 27003
www.libreriatrama.com

OURENSE

El Pueblo Café Cultural
Rúa Hernán Cortés 26, 32005
elpueblocafecultural.com

Librería Eixo
Cardenal Quevedo 36, 32004
www.libreriaeixo.com

Sindicato del cómic
Doctor Marañón 15, 32005
Facebook

ALLARIZ

CSA A Cambalhota
R/Camiño do Castelo, 10 (Tras a igrexa de San Estevo), 32660
Facebook

Libraría Aira das letras
Rúa Emilia Pardo Bazan, 5 baixo
Facebook

Comentarios

  1. O 21

    Parabéns. O blogue está xenial ! Estamos desexando sobar os artefactos e meternos dentro.

  2. minux

    Obrigad@s!!
    Alá foi!

Engadir un comentario:

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *