Corona* e a inxunción das n articulacións (libres)
Claudio Pato
15,00€
Libro de fotografía e textos de Claudio Pato.
Con limiar de Xiana Arias.
Revisión lingüística de Samuel Solleiro.
Idioma: galego.
Interior a cor.
Encadernación rústica con lapelas.
80 páxinas + capas.
Tamaño 15 x 21 cm.
Hai existencias
Descripción
Que facemos cando miramos para outras vidas que tamén poboan o planeta? Que epistemes, hexemonías e imperialismos trazan as relacións de corte con esas vidas? Que maquinaria se pon en movemento ao (re)considerar as poboacións? Corona* e a inxunción das n articulacións (libres) trata de responder estas e outras preguntas a partir dun artefacto de escritura “híbrido”.
Unha invención no transcurso do tempo en confinamento por mor da peste. Entre algo de marzo, abril e maio de 2020 cun sabor a fresa e nata e un chisco a limón.
O asunto foi máis que disolver a peaña, disolver a suxeición a certo marco de pensamento afincado no antropoceno. Inventar algo que levará a escritura, as imaxes a maquinar outros reinos. Producir unha idea por cada unha das 55 inxuncións que estalará a disxunción tanto como a conxunción, a inclusión tanto como a exclusión. En resumo, contar a historia entre Eco e Narciso como un compost por elaborar.
Claudio Pato
Séguenos en Facebook para saber máis sobre os eventos e presentacións do libro!
Co motivo da presentación do libro en Ourense os artistas Xosé Luis e Xoán De Dios armaron unha instalación no espazo do evento e habilitamos unha páxina neste sitio web para que poidades gozar dos debuxos alí expostos e doutras cousiñas: visitar a “A Feira do Proletariado” e máis.
Fotos do evento. Segue os nosos eventos para saber máis!
Información adicional
Peso | 280 g |
---|---|
Dimensións | 15 × 21 cm |
Sobre o libro
Este é o libro da compaña. Garda o xeito, a acción e o efecto de acompañar(nos) que ideou Calisa cando boa parte de nós (as subalternas inadaptadas, paradas recortadas, precarias incómodas, autónomas non conciliadas, yayaflautas, crianzas, dogos ou ghatas silvestres) estabamos confinadas entre marzo e maio de 2020.
Naquela movida, mellor compaña non puidemos ter.
Xiana Arias
E ollando e ollando, todos os días confinadas, vía con estupefacción como Calís poñía cousas na cabeza, como querendo dicir algo bastante. Eu xa deliraba bastante naquela época, mais isto que comento facíame pararme a ollalo e a comerme o cabazo con elo.
Tamén había textos que ás veces non viñan a solucionar nada pero que servían de axuda para parar, como digo, ler e procurar preguntas e respostas a un tempo. Era un ritual agardar a publicación do Calís e buscarlle os tres pés ao gato. Ás veces víame reflectido no post, outras enfadábame, outras non entendía nada de nada e xa sei que non hai que entender nada pero un quere entender malia todo.
Todo o que estaba pasando non tiña nada que ver con birras, coitelos ou berenxenas pero algo querería dicir todo aquilo e eu teño moita curiosidade, como os gatos, e certamente acompañábame todos os días, como acompañaría a moita xente aquel despregamento de sombreiros surrealistas sen sentido ou quizais con moito sentido porque a min dábame o sentido, o sentido de sentir todo aquilo, e dábame o sentido de resistir un pouquiño máis naqueles días que todo o mundo puido facer todo tipo de proxectos aproveitando, mentres eu paseino tan mal.
Para min era o cuarto peche que sufría na miña vida e non me facía moita gracia o tema. Despois aínda viría, hai pouco, un quinto peche. Pero polo menos neste ao igual que no segundo da miña vida estiven entretido, e un dos artífices de que isto fora así foi Claudio Pato.
Semellaba que quería dar unhas chaves, que nos quería dicir algo. Unha invitación á resistencia diaria ata que ese pesadelo rematara. Ao mellor el non o ve así e só foi un xogo que se lle ocorreu para matar o aburrimento do confinamento das narices.
A min activábame a cabeza, facíame pensar e darlle a volta a asuntos que me levaban a outros asuntos e así sucesivamente, e os delirios pois baixaban de intensidade ou esvaecíanse por completo.
Sempre ollábao fronte a fronte na pantalla do ordenador e esa pose tan seria impedía que me puidera rir das cousas que se puña na cabeza. Ademais esas cousas semellaban transcendentais, como para rirse delas! Parecía que esas cousas saían da súa cabeza día tras día, e tiña que amputalas a posteriori mais antes tíñanos que amosar esa especie de aberración convertida en concepto poético ou poesía conceptual.
Os textos non viñan a clarexar grandes cousas pero valían para seguir reflexionando nunha vida parada. Conxelada…
Facían as dúas cousas que ata variara o meu comportamento…
Lémbrome dunha sentencia que dicía algo así “a onde vas se hoxe é venres” e ipso facto deixei o computador e fun ao salón a estar coa miña compañeira para facer algo máis divertido que seguir a devorar artigos sobre a pandemia.
Quizais unha moral conceptual, unha moral artística e calendaria.
Que facer, que non facer ou que pensar para facer ou non facer…
O caso é que me acompañou e fíxoo ben, por ese motivo non dubidei na proposta de converter en libro este proxecto. Aínda que eu non teño feito grande cousa pola proposta, si é verdade que lle din para adiante porque merece a pena que sexa publicado pola nosa editora, Saurobuks, que ademais ádicase a cousas bastante rarunas como este artefacto do Calís.
Alfonso Rodríguez (Saurobuks)
Sobre o autor
Claudio Pato
(Ourense, 1962)
Licenciado en Filosofía pola UNED.
Ten publicados os libros de poesía: O almorzo do pintor de iconos Andrei Rublev (Ed. Xerais, 1997), Unha vida de traballo nos bosques do cánabo (Ed. Xerais, 2002), Como estás? (Estaleiro Editora, 2011). Draga / Se o bruído e a rotación do amonal na casa das abellas (Proxecto Xerminal / Concello A Coruña, 2018).
Colabora en diversas revistas e publicacións colectivas: Dorna, Bitácora Escarlata, Proxecto Derriba, Cine Clube Compostela, Novas da Galiza.
Membro da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).
Entre 2008 e 2012 foi Director da Galería de Arte Sargadelos (A Coruña), onde establecía a programación cultural. Nese mesmo espazo comisariou os ciclos sobre pensamento e arte: Afóra(s) e Escrita(s).
Entre o ano 2013 e 2016 coordinou, canda Edita Rodríguez Oca, o espazo de creación cultural Almáci(gas) en Santiago de Compostela.
Na actualidade colabora en diferentes proxectos co grupo de Free Jazz e Action Painting Desterritorializadxs e co músico Mark Wiersma (Ventrílucuo).
Forma parte do colectivo de acción artistica Open The D*or, ao tempo mantén un proxecto de arte postal co artista plástico Allez Alles.
No eido da produción cinematográfica en compañía de Virxinia Polke efectúa os seguintes traballos fílmicos: Parque Europa (2010) Antenas (2011), Repite ata que desapareza (2011), Dioses (2015), Ceo, Esmorgan, Pio (2019). En colaboración con David Castro: Postas (2017), Assisi (2018), e Syntagma (2018-2020). No 2018 participa na primeira edición de Intersección Contemporary Audiovisual Art Festival.
Na actualidade reside na cidade da Coruña.
Puntos de venda
A CORUÑA
Berbiriana. Rúa Santiago, 7 – 15001 A Coruña
O libro nos medios
(Praza, 11-08-2023)
Claudio Pato presenta ‘Corona* e a inxunción das n articulacións (libres)’ no Zigzag Diario:
Claudio Pato falando de ‘Corona* e a inxunción das n articulacións (libres)’ no Diario Cultural da Radio Galega: