Fogo fixo e voador

Paulo Hortak

15,00

Libro de poemas de Paulo Hortak con debuxos de Óscar Sánchez.
Idioma: galego.
Interior a branco e negro.
Encadernación rústica con lapelas.
116 páxinas + capas.
Tamaño 15 x 21 cm.

Hai existencias

SKU: OU 177-2025 Categorías: , Etiquetas: , , , , ,

Descripción

A guerra, o ecocidio e a escravitude non conseguen desanimar a atávica celebración dos pobos, nin tampouco a nosa esperanza no triunfo da inocencia sobre o egoísmo. Alén da pirotecnia literaria, a poesía sabe inzar utopías tralo cerco do ego.

Eis a tirada sen ruído do Paulo Hortak, unha escolma de versos e aforismos que abrangue 25 anos de existencia do heterónimo.

 

Paulo Hortak, heterónimo de Gaspar Domínguez, coñecido polo magnífico portal de poesía Andar21 -que aunou a unha grande xeración de poetas desde comezos do milenio ata 2011- é a nova aposta de Saurobuks. “Fogo fixo e voador” é un compendio de moreas de versos e aforismos que abranguen multitude de temáticas, procurando desterrar o egoísmo nesta sociedade na que vivimos onde a inocencia está baixo o punto de mira, nun mundo -o de hoxe- no que máis que nunca se avoga polo malismo e pola maldade. Nel pódese ulir a loita pola beleza e a esperanza, contra a dominación en todas as súas formas xa veña esta de arriba ou dos lados.  Palabras coma frechas agudas, que son lanzadas para espetar nos nosos corazóns e cerebros durmidos, nesta época de infamia algorítmica e xenocida que nos tocou vivir.

Hortak fala do poder pero tamén de todos e todas nós, das nosas peculiaridades, dos nosos traumas e inseguridades. Das nosas conciencias, consciencias, soños e pesadelos. Arremete contra a hipocrisía en todas as súas formas e fondos e reivindica a fraternidade, o amor e a verdade. Son aforismos e versos breves, na maioría na súa exacta enunciación, e cunha boa dose de punk e heavy que por veces tórnase xa en hardcore…

Este poeta de moitos lares, cunha bagaxe ao seu lombo grande de portar proxectos de toda índole a nivel subversivo e que, ademais, moitos deles os ten compartido coa xente de Saurobuks en distintas historias que son xa iso, historias para ser contadas, acende un lume novo na nosa editora e oxalá a súas chamas queimen e purifiquen un panorama poético que por veces semella cada vez máis endogámico e narcisista. Hortak arremete contra a grande literatura coa súa arma máis precisa e necesaria: a poesía que é para comer!

O libro está ilustrado por unha selección de incríbles debuxos automáticos por parte de Óscar Sánchez (@eukeseiii) que aportan un carácter aínda máis radical a esta proposta. Óscar debuxa sen fixarse en modas ilustradoras e sen títulos ningúns pero cunha forza visual arrebatadora que acompaña aos versos e aforismos de Hortak dunha maneira tremenda e sinceiramente visceral.

Alfonso Rodríguez

 

 

Séguenos en Facebook e Instagram para saber máis sobre os eventos e presentacións do libro!

Información adicional

Peso 280 g
Dimensións 15 × 21 cm

Sobre o libro

É fama que nos nosos días visibles exércitos impoñen leis e horrores e que entregan o humano ao castigo, á uniformidade e á vixiancia extrema. [Manda quen di fogo] É por iso que, no verdadeiro (ou mesmo no aprócrifo), iste Fogo fixo e voador desmonta, coa decencia de quen camiña por un bairro ou unha aldea, a odiosa intensidade dos piores resentimentos ou sangues.

Alí, no verso de Paulo Hortak, abrolla tamén o precipicio, o constante desafío e as redes de sombras nas que vida e risco de existencia coinciden. Prefiguracións, se cadra, dun presente-futuro que non admite evasións banais. É probable que o poeta, que se propón debuxar mundo, reflexos e interpelacións, decidise abranguer a brevidade como unha rexión deserta ou arrabaldo de indignacións sen muro [a forma por dentro / a idea por fora]. Unha miscelánea que acolle e axunta experiencia e biblioteca, referentes daquí e dacolá que van da canción de autoría poética á rebeldía beat.

Sinala Paulo Hortak, problemáticas de acotío dunha sociedade post-industrial que entrou na su propia decadencia e que non sabe como ir cara á lentitude dun mundo que debe decrecer case que por obriga planetaria: [a vida consistía en consumir], [eramos tan ricos / que o lixo non paraba de entrar na casa], [apañamos plásticos até a senectude]. Hortak parafrasea ao xeito de Adorno ou Primo Levi aquel Depois de Auschwitz e dirixe a nosa vista cara á pegada de carbono, ás ruínas da Limia, Muxía ou Fukushima (Gaza, engado) e vai marcando a referencia da utopía como faro nunca disuadido.

Destaco tamén, a Óscar Sánchez a debuxar fóra de toda marxe. Con atenta cárrega de tinta e unha celeridade propia da máis desordeada e atroz singularidade, bosquexa trazos arrincados do caos de Hortak partillando se cadra traumas, dores e outros desacougos de Fogo fixo e voador. Dando traslado ao papel dese propósito asimétrico e autónomo que é a resistencia.

Nesta intencionada mestura, verso e imaxe, atopamos tamén a confirmación dunha alternativa editorial que comprende ista e outras voces agardadas. O sagaz ollo dun proxecto disposto a dar espazo a todas as disonancias do panorama irredento da poesía: sen falsos patrocinios, con xenerosidade.

Poeta, ilustrador, editores: fermoso triángulo de mans. Que a vía aberta por este poemario prenda hoxe, aquí e agora coa sinceridade dunha presenza colectiva. [Convén apedrar os farois / para ollar ben as estrelas]. Para o lume que vén, é posible a espranza.

Amauta Castro

 

Sobre os autores

Paulo Hortak

O alias PAULO HORTAK xorde a comezos deste século nas hortas de Compostela. A procura de novas formas de oposición á autoridade e a nosa teima por abolir tamén a autoría literaria foi multiplicadora. As pezas do Paulo, principalmente poemas, fotografías e outras invectivas contra o egoísmo, teñen aparecido en revistas e blogues como RenDeRen ou Ultragráfico. Mais o Paulo tamén ten tomado a palabra nalgúns seráns libertarios (A Cambalhota, Voces del Extremo…).

Este libro ofrece a escolma poética do heterónimo, un substrato aforístico onde medra a anarquía, reivindicando a mensaxe da súa presenza apócrifa.

Gaspar Domínguez
(Cartagena, 1971)
Las Poleas de Tesalia, 1999
Nadie es profeta, 2018
Matriz de area, 2019

 

Óscar Sánchez

É a música quen acada o bolígrafo. Caer no debuxo como a música cae en min: esa é a inmanencia salvaxe pola que eu, músico frustrado, trato de debuxar océanos musicais.

O debuxo automático é coma un espello no que non cabe a superficie da identidade: iceberg ilimitado e independente no que só queda deixarse arrastrar pola intuición até o transo… E é que canto máis presente estou nun proceso de creación máis pobre será este. Pensar no que se está a facer mentres se está facendo é, para min, o erro. Crear sendo ausente, trátase dunha pequena utopía que a miña fisioloxía sempre agradece.

Sendo autodidacta, cabe dicir que as miñas obras poderían ser efecto da graduación da miña sensibilidade. Creo que, por desgraza, ou sorte, nunca acadarei a vontade de aprender a debuxar alén de romper as regras sen antes coñecelas.

(@eukeseiii)

Puntos de venda

AIRA DAS LETRAS
Rúa Emilia Pardo Bazán 5, baixo - 32660 Allariz, Ourense
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
CAFE UF Negra Sombra
Rúa Pracer, 19, baixo - 36202 Vigo
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LA REPUNANTINHA
Carrer del Torrent de l'Olla, 143, Gràcia, 08012 Barcelona
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRARÍA CARTABÓN
Rúa Urzaiz, 125 - 36205 Vigo
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRERÍA EIXO
Rúa Cardenal Quevedo, 36 - 32004 Ourense
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRERÍA GALIANO
Rúa Galiano, 28 - 15402 Ferrol, A Coruña
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRERÍA PAZ
Rúa Peregrina, 29 - 36001 Pontevedra
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRERÍA SISARGAS
Rúa San Roque 7, baixo - 15002 A Coruña
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRERÍA TRAMA
Av. de A Coruña, 21 - 27003 Lugo
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
LIBRERÍA VOLANDO LIBRE
Rúa Ervedelo, 23 - 32002 Ourense
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
NUMAX
Rúa Concepción Arenal 9, baixo - 15702 Santiago de Compostela
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
OZOCOgz
Rúa Curros Enríquez, 29 - 32500 O Carballiño, Ourense
Aquí poderás atopar os seguintes títulos:
SINDICATO DEL CÓMIC
Rúa Doutor Marañón, 15 - 32005 Ourense
Aquí poderás atopar os seguintes títulos: