Punto de ignición
Carlos Da Aira e Alexandre Folgoso
15,00€
Libro de poesía de Carlos Da Aira.
Con fotografías de Alexandre Folgoso e prólogo de Olga Novo.
Idioma: galego e castelán.
Interior a branco e negro.
Encadernación rústica con lapelas.
70 páxinas + capas.
Tamaño 15 x 21 cm.
Descatalogado
Descripción
Este novo poemario de Carlos Da Aira respira polas branquias clamando polas ás: as dun pobo que entra en transo cando danza, a través dunha memoria percutida, dunha foliada comunal, proxectándose cara á forza revolucionaria da alegría.
Chega este libro ao punto de ignición, para proclamar o incendio alquímico e simbólico como acto purificador pero tamén a premura por acadar un novo comezo xurdido da cinsa. Actos de beleza e de verdade condensados nas linguaxes do combate amoroso e da delicadeza revolucionaria, expresados no diálogo integral das formas verbais e visuais en colaboración con Alexandre Folgoso.
E sempre, a dignificación das marxes, da memoria do traballo, do canto á cultura dos subalternos. Todos eles clamores libertarios que asentan este libro na mellor ética do fraternal e asembleario, na construción común do futuro, na ecoloxía profunda que é amor, na solidaria e anticapitalista chamada á revolta contra a pobreza. Poesía profunda.
Olga Novo
Séguenos en Facebook para saber máis sobre os eventos e presentacións do libro!
Información adicional
Peso | 280 g |
---|---|
Dimensións | 15 × 21 cm |
Sobre o libro
A editora Saurobuks ten o goce de presentar o seu último título: Punto de ignición. Un poemario do alaricano Carlos Da Aira autor de outros catro traballos anteriores Corpo a corpo (2018, Poética Ediçoes), Pólvora. Tipos, recomendacións, consellos e advertencias para un tempo de poesía (2018, Ed. La Vorágine), Prender os fachos, compoñer os ósos (2019, Espiral Maior), A guerra era contra nós (2020, Edicións Xerais de Galicia). Os dous últimos gañadores de sendos premios: o Premio Cidade de Ourense de Poesía (2018) e o Premio Lueiro Rey de poesía (2019).
Carlos Da Aira é un grande coñecido na escea poética galega a moitos niveis pero por riba de todo por ser o maior organizador de dous grandes eventos como son Pónme un poema, que se celebra na primavera polos bares e tascas alaricanas, e o Poemagosto, unha cita onde conflúen artistas de todos os eidos, sobre todo a nivel poético, de toda Galiza (poñendo énfase en Ourense) pero tamén do estado español, sumando un elenco moi significativo de poetas internacionais e onde a perspectiva feminista é notoria.
O acompañamento deste libro está feito por fotografías de Alexandre Folgoso. Como vén sendo habitual nos artefactos de Saurobuks que procuran unha interacción e unha hibridación de múltiples facetas artísticas ademais do arrime humano como pretexto da cultura analóxica, maiormente. Algo ao que lle está quedando pouca marxe nos tempos nos que vivimos e nos queren facer vivir.
Alexandre Folgoso (Xinzo de Limia) é fotógrafo analóxico, puramente, que procura o traumatismo nas súas imaxes para tentar golpear as armaduras das nosas conciencias e ferirnos para que poidamos sentir algo, dunha vez, desde a falsa comodidade na que estamos instaladxs. Fotografías moi escuras, case negras. Mistura entre o gótico e o urbano (nada limpo). E neste libro, Punto de ignición, dándolle unha perspectiva moi persoal, seguindo coa súa liña, ao mundo rural a piques de arder ou que quizais xa está ardendo desde hai tempo?
O limiar do libro corre a cargo de Olga Novo da que non hai moito que dicir máis que, para facer unha idea, foi galardoada este ano co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía. Cunha bagaxe de anos e anos desa grande poesía por todos os medios e modalidades, entre elas o ensino.
O libro, a petición do autor, ten un apéndice ao final onde se poden dar lectura dos poemas en español.
O libro tamén está adicado, a petición do autor (mais sumámonos totalmente á iniciativa), a Teresa Álvarez Orbezua que rexía a Tetería Grándola en Ourense, a cal faleceu a finais do ano 2020. E que tantas satisfaccións e vida deu, e a herdanza, posiblemente, seguirá dando á cultura de todo tipo en Ourense. Na propia Tetería e na preciosa Praza de San Marcial, onde está localizada.
Un saúdo!
A equipa de Saurobuks
Sobre os autores
Carlos Da Aira
sitúase voluntaria e conscientemente nos extremos da periferia -vital, xeográfica e poeticamente.
Após unha iniciática etapa experimentando coa poesía oral a través de recitais, slams, intervencións ou micros abertos, e despois de publicar a plaquette Corpo a corpo (Poética Ed.), en 2018 aparece o seu primeiro poemario, Pólvora. Tipos, recomendacións, consellos e advertencias para un tempo de poesía (La Vorágine), ó que seguen Prender os fachos, compoñer os ósos (Espiral Maior. XXXIV Premio Cidade de Ourense) e A guerra era contra nós (Xerais. VIII Premio Manuel Lueiro Rey), mentres participa en numerosos festivais e encontros poéticos, así como en revistas literarias e antoloxías ou obras colectivas.
Dirixe en Allariz (Ourense), dende 2014, o Poemagosto. Festival Internacional de Poesía e o Ponme un Poema!
Centrado no nós poético e social, concibe a poesía como unha arma, o poema como munición e o mundo -a historia- como un campo de batalla dunha guerra con dous bandos: quen agriden salvaxemente polos privilexios e o poder e quen se defenden e loitan solidariamente polos dereitos e o ben común.
Alexandre Folgoso
(Xinzo de Limia, 1996)
Fotógrafe autodidacte e filólogue especializade en estudos literarios. Na súa obra explora a relación entre fotografía e motivo poético, nutríndose da simboloxía e do substrato cultural galego na procura dun universo propio. Inmersxs como estamos no capitalismo da imaxe, Alexandre acredita na fotografía analóxica como revolta contra os ritmos marcados pola era dixital.
En canto á traxectoria artística, a súa obra formou parte de varias exposicións colectivas. O seu proxecto “A soidade das árbores” (2019) foi seleccionado no certame de “Novos Valores” convocado pola Deputación de Pontevedra, mentres que as súas exposicións individuais “Caerán as máscaras na noite” (2020) e “Paxaros de Prata” (2021), seguen a circular polo país.
O seu traballo foi publicado en medios especializados, tales como Caleidoscópica ou Contrafotografía, e tamén en numerosas publicacións independentes.
Puntos de venda
OURENSE
Librería Espazo Lector Nobel. Rúa Concordia 8, 32003. Facebook
CARBALLIÑO
OZOCOgz. Rúa Curros Enríquez 29, 32500. Web | Facebook
XINZO DE LIMIA
Libraría Espazo Lector Nobel Rúa Curros Enriquez 3, 32630.
A CORUÑA
CARBALLO
Clarión Libraría. Rúa Valle Inclán 1-3, 15102. Facebook
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Libraría Couceiro. Praza de Cervantes 6, 15704. Web | Facebook
Libraría Pedreira. Rúa do Home Santo 55, 15703. Web | Facebook