Que é isto?

Saurobuks é un proxecto editorial que comezou a súa andaina alá polo final do 2014 coa autoedición do doble libro de poemas e colaxes Lúa Plenur. O que no comezo fora unha brincadeira para pórlle un logo a un artefacto poético, e que quedara máis xeitoso, converteuse a posteriori na posibilidade de facer máis cousiñas e decidimos entón constituírnos como asociación cultural atopando así a maneira de organizarnos e seguir editando o material propio e de afíns, procurando aunar esforzos para proxectar unhas voces nada comúns, acadando ese impulso de algo pequeniño, nas marxes que non quere, senón ao contrario, seguir canons ou bós costumes. Procuramos saírnos da grea maior e doutras greas menores que seguen o bo camiño, a boa senda… nós preferimos ir por desvíos máis retortos; buscamos revalorizar o pequeno, o local, o singular, o marxinal -si, sen complexos!

Porque nos gustan os libros en papel naceu Saurobuks, e xa publicamos Instalacións e outras deformidades pseudoartísticas no territorio rurbano con fotografías de Alfonso Rodríguez, que foron acompañadas de textos de distintos colaboradores, Confesiones de un majara cuerdo de Ieltxu Marcos, a tradución ao galego do Manifesto Scum de Valerie Solanas, ilustrado por Mute, ou Breviário de heterónimos de Carlos Rafael, con fotografías de Antón Buciños. Recentemente o libro Poesía (modelo para romper) de Amauta Castro con debuxos de Alfonso Rodríguez.

Tamén facemos pequenas tiradas de camisolas en serigrafía feita a man para nenas e adultas que mostramos no apartado de artesanías Saurocrafts. Temos en mente editar música ou ruído que aloxaremos no Saurorekors e temos unha sección artística no Sauroarts.

Saurobuks é un proxecto autoxestionado, non temos ánimo de lucro, e polo de agora as publicacións vanse sufragando basicamente co retorno das vendas das nosas edicións ou doutros proxectos nos que estamos involucradxs. Podes axudarnos coa difusión, enviarnos propostas ou suxestións, estamos abertxs a túa colaboración. Escríbenos a bronto@saurobuks.com e cóntanos!